Xa está dispoñible en Internet a publicación Proxectos Inou 2024. Investigación aplicada na provincia de Ourense. Nela recóllense os resultados de oito proxectos beneficiarios da convocatoria de axudas Inou, levados a cabo por equipos do campus que, dende distintos ámbitos de coñecemento, “comparten un obxectivo común: contribuír ao avance científico e á mellora da sociedade ou da economía na provincia de Ourense a través da innovación, o rigor metodolóxico e o traballo colaborativo”.
A convocatoria Inou finánciase a través do convenio de colaboración anual existente entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo. A publicación, dispoñible en formato electrónico, está coordinada pola Vicerreitoría do campus de Ourense. No seu prólogo, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor deste campus, subliña que “a investigación no eido universitario constitúe un dos piares fundamentais sobre os que se sustenta o progreso científico, tecnolóxico e social” e que o compromiso da institución académica coa xeración e transferencia de coñecemento concrétase neste caso “nun conxunto de proxectos que reflicten a diversidade, a calidade e a proxección da actividade investigadora desenvolvida ao longo do ano 2024 no noso campus”.
Este xoves o campus de Ourense acolleu a xornada de lanzamento do proxecto Precigal, centrado na aplicación da agricultura de precisión en tres cultivos estratéxicos para Galicia: o millo, a pataca e o viñedo. A iniciativa, participada pola UVigo, “ten como obxectivo desenvolver e implementar unha plataforma intelixente, modular e escalable orientada á mellora do rendemento agronómico e á sostibilidade ambiental, mediante a integración de diferentes tecnoloxías dixitais avanzadas aplicadas ao sector agrícola”.
O seu consorcio está formado polas empresas Sertogal (líder), Veiga Bella (Ramón do Casar), Innebo Enxeñaría, Azul y Verde Consultoría, Comercial Agrícola Guerra e Avelino Santana García (agricultor). No ámbito científico participan o grupo da Universidade de Vigo Aerolab (pertencente ao Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial) e o Centro Tecnolóxico da Carne (Ceteca). “A colaboración entre explotacións agrarias, empresas tecnolóxicas, entidades de servizos e centros de investigación constitúe un dos elementos centrais desta iniciativa, permitindo integrar coñecemento agronómico, capacidades tecnolóxicas e experiencia investigadora nun mesmo proxecto”, sinalan desde a súa organización. Precigal está financiado pola convocatoria Nexos da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea (Feader 2021-2027), contando cun orzamento total superior ao millón de euros para o período 2026-2028.
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebrou este venres o seu III Foro Alumni. Nel, egresadas e egresados do centro volveron a el para contarlle ao seu actual alumnado como está sendo as súas traxectorias profesionais. A actividade estivo organizada con motivo do 12 de abril, Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados, destacando a directora do centro, Nieves Lorenzo, a pertinencia desta celebración tendo en conta o lanzamento estes días da misión á Lúa Artemis II.
O acto arrancou dándose a coñecer a resolución do concurso fotográfico da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo Aerovisión 2026. Nel convidábase ás persoas interesadas a presentar as súas mellores imaxes no ámbito aeronáutico e/ou espacial. En total presentouse unha vintena de obras, concedéndose tres galardóns. O primeiro premio, dotado cun dron, foi para o fotoxornalista Iñaki Abella, pola fotografía Línea de fuego. O segundo, dotado cun telescopio, recaeu en José Luis Neira, pola imaxe La Patrulla Águila. Por último, concedeuse un terceiro premio, dotado cuns prismáticos, a Nicolás Outón, pola peza Air Canada Vortex.
Representantes de 14 entidades públicas e privadas de oito países reúnense desde hoxe en Ourense na asemblea xeral de lanzamento do proxecto europeo Radiance. Liderado pola Universidade de Vigo e cun orzamento de catro millóns de euros, a iniciativa ten como obxectivo transformar a construción e a rehabilitación de edificios mediante robótica avanzada, automatización e dixitalización. Polas súas dimensións, polos axentes implicados e polos seus obxectivos, a posta en marcha deste proxecto supón “un fito” para a Universidade de Vigo, tal e como subliñan desde a súa organización.
O consorcio de Radiance (Robotic, automated and digital solutions for improving building renovation and new construction efficiency) está formado por entidades de Alemaña, España, Finlandia, Francia, Noruega, Polonia, Portugal e Suíza. Concretamente participan as universidades de Vigo, Minho, Gustave Eiffel e ETH Zürich; os centros de investigación e tecnoloxía Tecnalia, VTT, Sintef, Łukasiewicz-PIT e Fraunhofer); as grandes empresas do sector da construcción Misturas e Skanska e as pemes Contactica, Probot e IMC. Ten unha duración de catro anos, arrancando o pasado mes de setembro e prolongándose ata finais de agosto de 2029. Está financiado ao 100%, con 3.999.189,25 euros, polo programa Horizonte Europa. O proxecto está coordinado polo grupo Aerospace and Transportation Systems Laboratory (Aerolab) da Universidade de Vigo, pertencente ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais e con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. O seu coordinador é o profesor da UVigo Higinio González.
Desde este martes e ata o xoves, Allariz acolle a primeira asemblea xeral presencial do proxecto europeo Storcito. Liderado pola Universidade de Vigo e con case 4,9 millóns de euros de orzamento, a iniciativa reúne a once socios de cinco países co obxectivo de fomentar a innovación multidisciplinar en ámbitos chave das zonas rurais europeas: a xestión sostible dos recursos e prevención de incendios forestais, a transición a sistemas enerxéticos sostibles e a consecución dunha mobilidade sostible, inclusiva e climaticamente neutra.
A xuntanza en Allariz, que ten lugar no Eurostars Vila de Allariz Hotel & Balneario, reúne a unha trintena de persoas procedentes das entidades implicadas en Alemaña, Países Baixos, Grecia e Noruega, ademais de Galicia. Tras arrancar en maio a súa actividade, os responsables do proxecto sinalan que durante estes primeiros meses o seu traballo centrouse no desenvolvemento da xestión tanto dos paquetes de traballo como do proxecto no seu conxunto, sendo agora o obxectivo desta asemblea “asentar as bases dos casos de estudo do proxecto e comezar a desenvolver e aplicar a metodoloxía de traballo neles”.
O equipo da Universidade de Vigo Aerolab lidera un novo proxecto europeo que durante os vindeiros catro anos traballará para transformar a construción e a rehabilitación de edificios mediante robótica avanzada, automatización e dixitalización. A iniciativa, que conta coa participación de 14 entidades públicas e privadas de oito países, está financiada pola UE con case catro millóns de euros. “Radiance sitúanos na primeira división europea de robótica, traballando con institucións de referencia”, destacan os responsables do proxecto.
Baixo o título Robotic, automated and digital solutions for improving building renovation and new construction efficiency (Radiance), o proxecto ten unha duración de catro anos, arrancando o pasado mes de setembro e prolongándose ata finais de agosto de 2029. Está financiado ao 100%, con 3.999.189,25 euros, polo programa Horizonte Europa, da UE, correspondendo 550.000 euros á UVigo. Está coordinado polo grupo Aerospace and Transportation Systems Laboratory (Aerolab) da Universidade de Vigo, pertencente ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais e con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. O coordinador de Radiance, o profesor da UVigo Higinio González, subliña que “este proxecto supón un fito para Aerolab, para o Ifcae e para o campus de Ourense porque é a primeira vez ha historia do noso campus no que se lidera un proxecto europeo no ámbito da robótica”, indica. O financiamento acadado, engade, permitiralle desenvolver liñas de investigación relacionadas coa robótica aérea.