O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae) da Universidade de Vigo amplía as súas capacidades converténdose en operadora de drons autorizada pola Agencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA). Esta autorización, acadada en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, permitiralle “desempeñar un rol destacado no desenvolvemento e a expansión de actividades de investigación e transferencia con vehículos aéreos non tripulados”.
Dentro do Ifcae, os profesores Higinio González e Fernando Veiga, líderes do Laboratorio de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte (Aerolab) da UVigo, serán os responsables da administración da operadora. “Este grupo de investigación especializouse na robótica aérea e no desenvolvemento de tecnoloxías vinculadas aos drons. Grazas á súa experiencia e coñecemento neste ámbito, poderemos xestionar e optimizar o uso dos drons para os múltiples proxectos nos que o instituto participa”, sinalan os profesores. Os pilotos autorizados, encargados da operación directa dos drons, serán Eduardo Ríos e Gabriel Fontenla, membros tamén do Ifcae e de Aerolab. “Eles recibiron formación especializada e contan coa certificación requirida para pilotar as aeronaves, o cal garante a seguridade e a eficiencia en cada unha das misións que se realicen”, apuntan desde o instituto.
O grupo da Universidade de Vigo Aerolab (Aerospace & Transportation Systems Laboratory) traballa, no marco dun proxecto estatal, na creación dunha ferramenta computacional que, baseándose en datos xeoespaciais, meteorolóxicos e de simulación de fluídos, definirá as rutas máis seguras e eficientes para un vertiporto en cidade, é dicir, para un aeroporto de drons urbano.
O proxecto Mobilidade aérea urbana segura e eficiente en vertiportos baseada en modelos CFD de micrometeoroloxía (Safe-Vertiport) ten unha duración de dous anos, estando previsto que remate en decembro de 2025. Está financiado con 121.000 euros pola convocatoria Proxectos de Xeración de Coñecemento, do Ministerio de Ciencia e Innovación, e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-Next Generation EU. Como investigadores principais están os catedráticos e membros do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da UVigo Elena Martín e Higinio González. O enfoque do proxecto é multidisciplinar, combinando persoal investigador con experiencia en sistemas aéreos non tripulados e tecnoloxía xeoespacial (Higinio González, Iván Puente e Luis Miguel González), en modelos meteorolóxicos (Nieves Lorenzo e Inés Álvarez) e aerodinámica, mecánica de fluídos computacional e modelado de orde reducido (Elena Martín).
A Universidade de Vigo e Copasa, Sociedad Anónima de Obras y Servicios, desenvolven desde finais de 2021 e ata finais de 2024 o proxecto Railway Inspection and Information Model (RIIM). Nel, traballan na mellora das operacións de inspección e mantemento da superestrutura de vías férreas empregando sistemas ópticos de última xeración e algoritmos para o tratamento automático de información xeoespacial. Na recta final do proxecto, a ferramenta deseñada está a superar os seus últimos ensaios.
O socios do proxecto celebraron este luns no campus de Ourense unha xornada de avaliación do estado da tecnoloxía desenvolvida e de planificación da fase final. RIIM conta con financiamento das Liñas Estratéxicas do Ministerio de Ciencia e Innovación (Axencia Estatal de Investigación) e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia NextGeneration Unión Europea. Nel participan por parte da Universidade de Vigo o grupo de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte-Aerolab, con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e membro do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais. O socio do proxecto, Copasa, é unha empresa multinacional de construción de orixe ourensá que conta cunha dilatada traxectoria no desenvolvemento de infraestruturas de todo tipo.
Baixo o nome de Aerolab (Aerospace & Transportation Systems Laboratory) constituíuse recentemente no campus de Ourense un novo grupo de investigación. “Aerolab nace co obxectivo de converterse nun referente no ámbito da enxeñaría do transporte, con especial énfase nos sistemas aéreos”, explica o seu investigador principal, Higinio González.
Os obxectivos de investigación do grupo, sinalan desde a súa organización, “atópanse dentro do alcance dos sistemas aeroespaciais e de transporte, considerando moitos aspectos diferentes, como por exemplo: mobilidade avanzada, redes loxísticas, mantemento e resiliencia de infraestruturas, sistemas de transporte intelixentes e xeoinformación”. As principais liñas de traballo de Aerolab serán a mobilidade (nos seus diferentes ámbitos e destacando o aéreo) e a xestión de infraestruturas de transporte, aplicando tecnoloxías como sistemas aéreos non tripulados, sistemas de navegación satélite, satélites de observación terrestre, sistema de información xeográfica, visión por computador, lidar, algoritmos de control e optimización e xeoinformación e intelixencia artificial.