O grupo de investigación Aerolab da Universidade de Vigo participa nun novo proxecto Interreg chamado Gexpoctep. A iniciativa une socios de Galicia e norte de Portugal co obxectivo de avanzar na innovación e na sostibilidade en gandaría autóctona e mellorar a preservación ambiental e o desenvolvemento rural e económico da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.
Cun orzamento total de arredor 2,2 millóns de euros, o proxecto é beneficiario da 8ª Convocatoria do Programa Interreg VI-A España-Portugal (Poctep) 2021-2027, cofinanciada ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). O consorcio internacional de Gexpoctep está liderado pola Fundación Centro Tecnolóxico da Carne e nel participan de España, ademais da Universidade de Vigo, GDR 10, Mareterra Conservas e a Consellería do Medio Rural (Xunta de Galicia). De Portugal están a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, o CCDR Norte, a Cooperativa Agro Rural de Boticas, a Cooperativa Agrícola do Barroso e ICNF (asociado). A xornada de lanzamento do proxecto tivo lugar en outubro na Câmara Municipal de Montalegre (Portugal).